Inicio arrow Plan Salvagarda e Posta en Valor
Plan Salvagarda e Posta en Valor Print E-mail
domingo, 06 enero 2008
There are no translations available

 

Plan para a Salvagarda e Posta en Valor do Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia en PDF

Seguindo as definicións da UNESCO, enténdense por inmateriais os empregos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas —xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos asociados a esas prácticas— que as comunidades, os grupos e nalgúns casos os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural.

Fronte a un patrimonio ata hai ben pouco monopolizado por unha idea de bens monumentais ou artísticos accesibles mediante intermediarios autorizados, o "xiro inmaterial" establece que cadaquén participa na construción dese legado e que os seus creadores e intérpretes medran co intercambio e a transmisión.

Así, por unha banda, o Patrimonio Inmaterial (PI) remite ás características especificamente inmateriais do patrimonio, mentres que o Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) remite ao concreto, é dicir ao conxunto de elementos, prácticas, procesos e representacións aos que se aplica o patrimonio inmaterial. Este PCI transmítese de xeración en xeración, sendo recreado constantemente polas comunidades e grupos en función do medio no que se desenvolve, a súa interacción coa natureza e a súa historia, infundíndolles un sentimento de identidade e continuidade e contribuíndo, deste xeito, a promover o respecto pola diversidade cultural e pola creatividade humana. Xustamente sobre estas manifestacións inmateriais é sobre as que o Plan salvagarda e posta en valor do Patrimonio Cultural de Galicia pretende definir políticas a medio prazo para a súa salvagarda, inventario e posta en valor.

Para planificar estas políticas, optouse por tirar dunha metodoloxía de abstracción e de contraste característico do mundo da empresa, denominada análise DAFO e composta pola análise da situación de partida (Debilidades e Fortalezas), pola avaliación dos escenarios máis previsibles (Ameazas e Oportunidades) e, finalmente, polo deseño das modificacións sobre o modelo inicial, nun horizonte de tempo definido. Este procedemento tense exportado ao campo institucional, de xeito que existen plans salvagarda e posta en valor con diferentes ámbitos de aplicación territorial, podendo ser xerais, parciais, sectoriais ou específicos. Ao fin, cunha filosofía de traballo ben coñecida e que produce bos resultados, preténdese que participen e colaboren os distintos colectivos implicados na posta en valor e salvagarda do PCI cun tempo de vixencia que normalmente chega a cinco anos, ao cabo dos que o proceso é revisado para continuar nun bucle ad infinitum.

Un plan salvagarda e posta en valor caracterízase polos seus aspectos cuantitativos, pois sinala obxectivos numéricos e cuantificables, polo seu valor de manifesto, pois sinala políticas e liñas de acción acordes cos obxectivos (Inventariado, Documentación, Investigación, Difusión, Promoción, Protección e Transmisión); e pola súa dimensión temporal, pois abre intervalos de tempo necesarios para avanzar nas análises e na consecución dos resultados. Ademais, os obxectivos habían ser definidos en concreto e con sentido práctico, preferindo por exemplo —sexa dito na xeira empresarial— “aumentar o rendemento un 7% antes de decembro” antes que “maximizar o rendemento este ano”.

Semella con todo algo complicado tentar realizar e aplicar un plan salvagarda e posta en valor para aspectos culturais, dificilmente cuantificables e delimitados no tempo. En calquera caso, os coordinadores do proxecto Ronsel decidiron elaborar o documento que pronto poderás consultar neste Portal co obxecto de definir liñas e accións estratéxicas, coa participación dun número importante de expertos (máis de cincuenta entre portadores, membros de asociacións e da comunidade universitaria e ensinantes) que desde o comezo do proxecto apoiaron a iniciativa con total dedicación.

Nunha aposta polo emprego das máis recentes técnicas de traballo, como é a elaboración dun plan salvagarda e posta en valor participativo polos/cos axentes implicados, a metodoloxía seguida adoptou esa necesidade de revisión e recreación constante que caracteriza o continuo devalar patrimonial en todos os espazos sociais.

É preciso que entendas o Plan salvagarda e posta en valor do Patrimonio Cultural de Galicia no contexto da actividade das innumerables persoas, asociacións e institucións que dun xeito ou outro colaboraron a manter viva ou a interpretar esta parte fundamental da nosa cultura, e lembrar o traballo realizado pola Asociación Cultural e Pedagóxica “Ponte ... nas Ondas!” e as escolas da “Rede PEA-UNESCO” para a proclamación por parte da UNESCO como patrimonio inmaterial da humanidade das tradicións orais galegoportuguesas.

O primeiro debate teórico xira arredor da complexa definición do patrimonio inmaterial e a súa inscrición territorial. Desde o proxecto Ronsel concordamos na visión conxunta do patrimonio cultural (incluíndo, xa que logo, o material inmoble, moble e o inmaterial) ao tempo que defendemos a necesidade clasificatoria que existe en calquera ciencia, liberada desde hai tempo das pretensións enciclopedistas. Ademais, somos conscientes de que as actuais fronteiras non sempre coinciden coas culturais, polo que é preciso atender o espazo lingüístico do galego fóra dos límites administrativos, así como apostar, como xa o fan as principais institucións económicas, pola validez do espazo da eurrorexión Galicia-Norte de Portugal.

Outro debate concirne a inscrición social do patrimonio inmaterial, e ao feito de privilexiar neste plan salvagarda e posta en valor o patrimonio do espazo rural e mariñeiro, por motivos principalmente de desenvolvemento, intervención e urxencia relativos ao despoboamento e á transformación das formas de habitar e explotar o territorio. Con todo, en Ronsel sabemos que a sociedade é un continuum que invalida a oposición rural/urbano, e que axiña chegará o día en que se elaboren metodoloxías de patrimonialización adaptadas á revelación dos patrimonios inmateriais emerxentes, organizados arredor dunha noción integradora de paisaxe.

Dende os seus primeiros meses de vida, o proxecto Ronsel converteuse nunha encrucillada de persoas, asociacións e institucións relacionadas co patrimonio cultural inmaterial. Agardamos poder seguir traballando ata que se defina unha estrutura política e administrativa estable así como un espazo de referencia definido pola Xunta de Galicia, un espazo demandado por unanimidade polos analistas dos distintos grupos de traballo, que ao mesmo tempo valoraron como excepcional a oportunidade de dispor dun abeiro organizado para acubillar as iniciativas e as propostas relacionadas co patrimonio inmaterial. Tamén aproveitamos estas liñas para sinalar outra das demandas resultantes deste traballo: a creación dunha marca propia para o patrimonio cultural inmaterial, que contribúa tanto ao seu inventario como á súa posta en valor.

Plan para a Salvagarda e Posta en Valor do Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia en PDF