Inicio
Portal do Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia Imprimir Correo-e
jueves, 03 de enero de 2008


Seguindo as definicións da UNESCO, enténdense por inmateriais os empregos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas -xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos asociados a esas prácticas- que as comunidades, os grupos e nalgúns casos os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural.

Fronte a un patrimonio ata hai ben pouco monopolizado por unha idea de bens monumentais ou artísticos accesibles mediante intermediarios autorizados, o xiro inmaterial establece que cadaquén participa na construción dese legado e que os seus creadores e intérpretes medran co intercambio e a transmisión.

Así, por unha banda, o Patrimonio Inmaterial (PI) remite ás características especificamente inmateriais do patrimonio, mentres que o Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) remite ao concreto, é dicir ao conxunto de elementos, prácticas, procesos e representacións aos que se aplica o patrimonio inmaterial. Este PCI transmítese de xeración en xeración, sendo recreado constantemente polas comunidades e grupos en función do medio no que se desenvolve, a súa interacción coa natureza e a súa historia, infundíndolles un sentimento de identidade e continuidade e contribuíndo, deste xeito, a promover o respecto da diversidade cultural e da creatividade humana.

A propia UNESCO fai a seguinte división do PCI

1. Tradicións e expresións orais, incluído o idioma como vehículo do patrimonio cultural inmaterial.
2. Artes do espectáculo.
3. Usos sociais, rituais e actos festivos.
4. Coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo.
5. Técnicas artesanais tradicionais.

Os contidos deste Portal, que está en construción, están accesibles a través dos menús que aparecen na partes esquerda e superior do navegador. Pretendemos que este Portal do PCI sexa un escaparate virtual para a difusión e posta en valor do noso patrimonio cultural, un lugar onde calquera interesado poderá facerse unha idea da riqueza do noso patrimonio inmaterial e que sirva, ao mesmo tempo, para facilitar a súa transmisión. Para iso, esta plataforma disporá dos seguintes contidos:


- Todo tipo de documentación gráfica e sonora que poidamos ir recompilando froito do traballo de campo realizado desde o Proxecto Ronsel, traballos financiados desde o mesmo, doazóns de institucións, asociacións e particulares etc.
- Contidos didácticos baseados na reelaboración do traballo de campo e das investigacións sobre o PCI, o que reforzará a súa función como ferramenta de utilidade para todo tipo de investigadores interesados no noso PCI.
- Foros de debate específicos onde todos os interesados no PCI se podan dar cita para debater cuestións relacionadas coa documentación, inventariado, investigación, protección, promoción, difusión e transmisión do PCI, foros que axudará á coordinación entre as diversas persoas e entidades que traballan en prol do PCI galego e portugués.
- Esta plataforma global de difusión do PCI fornecerá acceso directo aos coñecementos de portadores/as de xeito que facilite tanto as investigacións como a transmisión dos contidos do PCI, recreando de xeito virtual a cadea de transmisión oral e polo tanto adaptándoa aos novos tempos.
-O portal do PCI Galego conterá un mapa espacial e un mapa temporal do noso patrimonio. O espacial estará composto por un mapa do territorio onde se expresa o noso PCI e onde ficarán representados cada manifestación e cada portador/a destacables, incluíndo algunhas manifestacións comúns co norte de Portugal. O mapa temporal incluirá estudos históricos acerca da evolución do PCI (os trocos progresivos na delimitación do territorio, evolución do idioma, sucesivos tipos de traxes galegos, a evolución da música, das festas, dos oficios, da cosmovisión, etc. etc.). Este mapa temporal incluirá tamén un calendario anual onde ficarán representadas as principais citas coas manifestacións lúdicas e festivas galegas.
-A Plataforma será actualizada constantemente para ofrecer de xeito sistemático os estudos e materiais máis recentes. Esta actualización afectará non só os traballos producidos desde o proxecto Ronsel, senón que intentará amosar os últimos traballos a nivel mundial relacionados co tratamento e investigación sobre o PCI, convertendo a esta plataforma nunha ferramenta de suma utilidade para calquera investigador ou interesado na xestión dos PCIs.
- Unha base de datos de asociacións, institucións e particulares relacionadas co PCI, onde se poda ter acceso, polo menos, ao catálogo ou inventario dos bens patrimoniais que estas entidades custodian. Esta iniciativa contribuiría de xeito substancial á coordinación e facilitación dos traballos de inventariado, documentación e investigación.
- Unha biblioteca virtual do PCI que consistirá nunha catalogación dos fondos bibliográficos existentes en Galicia xunto cun pequeno resumo do seu contido e localización, o que facilitaría de xeito considerable a labor de investigación.
- A efectos de difusión no exterior do PCI galego, traduciremos a varios idiomas algúns dos contidos para que esta plataforma sexa un verdadeiro escaparate internacional do PCI galego, dirixindo programas de traducción e interpretación do PCI galego e estranxeiro.
- Esta plataforma global de difusión poñerá as manifestacións excepcionais do PCI ao alcance dos intérpretes e creadores actuais para a (re)creación do patrimonio inmaterial en novas formas adaptadas ás circunstancias socio-culturais actuais.