|
DescriptionOS FERREIROS O oficio de ferreiro ten no noso País unha longa tradición. Nos tempos tradicionais a súa actividade empezaba nas ferrerías coa fundición do ferro e a preparación das barras e lingotes deste material, dos que logo sairán as series de ferramentas que os ferreiros fabrican no seu obradoiro fixo, chamado "A Forxa".
O obradoiro do ferreiro tradicional é a "Forxa". Esta ten nun lado a fragua ou fornalla provista de lume de carbón pedra ou de madeira, avivado pola corrente de aire que lle chega por medio da "toeira" e "cana" que son os tubos da saída de aire que chega desde o fol, accionado mediante unha cadea con argola para coller coa mao e vai suxeita por detrás para move-lo fol.
A colección de ferramentas que precisa o ferreiro tradicional é moi ampla e variada. No seu obradoiro conta coa "zafra" que ten un remate cónico e outro plano, "martelo grande" e "martelo pequeno" para bate-lo ferro e prepara-las pezas; as "tenaces" dereitas, de tubo e as "tenaces de volta" para colle-las pezas. Tamén ten as tenaces de cortar arame gordo e láminas de ferro. Outras ferramentas do ferreiro tradicional son o puxavante, derramador, escofina e bigornia. Por último, dispón dunha "mesa con torno", con xogo de "limas" e varias outras ferramentas para traballos especializados.
Axudado desta serie de ferramentas e a miúdo dun ou dous axudantes, o ferreiro tradicional de zafra, forxa (fornela) e martelo constrúe as series de ferramentas que os paisanos empregan no traballo do campo, principalmente, sachos e sachas, eixadas, legóns, picañas, fouciños de diferentes tamaños e variedades, ferros de arado, dentes de grades, ferraxes dos carros. Tamén fai cancelas e portais de ferro, balconadas, pechaduras de portas con respectivas chaves, petadores de portas, gramalleiras e garfos. Incluso os había dedicados case exclusivamente a facer fouces, fouciños e fouciñas, coitelas e navallas de diferentes tamaños, que despois ían vender ás feiras de preto e de lonxe. Así, as ferraxerías da cidade de Ourense son na súa maioría fundadas por descendentes de xentes da zona leonesa de Taramundi, principal centro de ferraxerías especializadas na elaboración deste tipo de industria, especialmente navallas, que saían vender polo mundo, semellante a como facían os quincalleiros ourensáns.
Texto de Xosé Antón Fidalgo Santamariña VoteEXIF
|