|
Descripción
O ENTROIDO RIBEIRAO, CHANTADA, LUGO.
O Antroido Ribeirao do Concello de Chantada tense celebrado nas parroquias de Santiago de Arriba, Nogueira, Vilaúxe e Camporramiro, malia que, segundo os portadores de Santiago de Arriba consultados en febreiro de 2008, orixinouse ou pertence propiamente á parroquia de Santiago de Arriba, sita na mesma Ribeira Sacra, a uns oito quilómetros da capital do concello, Chantada.
Ata non hai moitos anos existiu unha forte rivalidade entre estas parroquias no desenvolvemento deste evento. Só despois dun tempo de penuria, no que este antroido estivo a piques de desaparecer, os interesados por conservar esta tradición formaron unha asociación de xeito que cada ano o antroido é organizado pola asociación pero celébrase só nunha destas parroquias, mudando cada ano de lugar.
O antroido ribeirao desenvólvese actualmente dun xeito absolutamente semellante, en esencia, a aquel que os portadores máis vellos lembran.
Unha das pezas centrais sobre a que xira o antroido na ribeira sacra é, no fondo, o cinto de campás que porta a súa máscara principal, o volante. Estes grosos cintos (duns 30 cm) fabrícanse con pel de porco curtida, estando revestidos internamente con tea de saco e levando dous tirantes que se cruzan polo peito e as costas de quen os porta. Un par de fibelas pechan o cinto pola parte de atrás. Neles asegúranse unha cantidade considerable, entre 16 e 24, campás das vacas, sendo aquí onde reside o secreto e a potencia do cinto: o seu son. Semanas antes do tempo do antroido os mozos da parroquia comezaban a preparar o antroido, o primeiro era saír de casa en casa, pola parroquia, polo concello e incluso polos concellos veciños (nomeadamente Carballedo) na procura das mellores campás, pezas que eran e son tidas en grande estima polos seus posuidores. Diferencian os ribeiraos entre campás machos e femias, sendo as máis apreciadas as macho, cun son máis potente e redondo que as femias, que acusan maior fraxilidade no seu tocar. Unha vez reunidas as campás que fose posible inseríanse nos cintos; a maior parte das veces non había campás para máis de dous cintos, anque agora pódense ver ata catro ou cinco. As mellores campás macho reservábanse para o cinto do volante que portaría o pucho, unha das pezas máis rechamantes dentro do antroido galego e do que pronto falaremos.
Unha vez constituídos os cintos que participarían no antroido, o domingo anterior ao domingo de antroido, os mozos sacaban os cintos polas casas da parroquia, sen vestirse aínda de volantes, para demostrar o son dos mesmos ós veciños, porque esta é, como xa dixemos, a clave, o son. Un bo cinto era motivo de orgullo para os mozos e así se medía a potencia dun antroido, polo son do cinto do volante, de aí o coidado na elección das campás.
Os preparativos dos antroido seguían coa preparación dos oficios, pequenas representacións teatrais, en clave cómica e sarcástica, de feitos acontecementos destacables, ben da parroquia, ben do exterior, que se representan a tarde do domingo de antroido nun lugar apropiado e xa establecido para tal fin.
O domingo de antroido, a iso das dez ou once da mañá, vístense os volantes. As vestiduras consisten en zocos (agora zapatos), polainas marróns de enrolar que cobren dende o nocello ata a metade da parte inferior da perna e que axudan a soportar o grande peso do cinto de campás, e un mono de tea a dúas cores verticais: amarela e vermella. Da parte do xeonllo destes monos penduran unhas fitas, duns 30 cm de longo, tamén a dúas cores, rematadas nun pequeno rosetón de tea tamén das cores do mono. Enriba do mono de cores os volantes portan o seu cinto de campás e, na parte superior do corpo, dous panos merinos (feitos de la de ovellas e carneiro de la fina e rizada) de abundantes cores, dobrados en punta e cruzados un sobre outro, indo cadanseu dende o ombreiro ata o sobaco contrario, caendo así o pico de cada pano sobre o brazo do volante. A cabeza vai cuberta por unha pano de cores, tamén de la, e a cara cuberta cunha máscara de tea e papel.
As máscaras dos volantes confecciónanse cada ano. Os veciños dispoñen dunhas antigas formas de madeira sobre os que se fabrican estas máscaras empregando tea e papel mollados cunha mestura feita de fariña e auga. Unha vez preparado este engrudo, a máscara fabrícase depositando sobre a forma primeiro unha capa de tea, untándoa de engrudo, sobre ela unha capa de papel, máis engrudo, outra de tea, e máis engrudo, e así ata ter un grosor aproximado de seis ou sete milímetros, momento no que a forma é metida ao forno a cocer parar que se endureza durante un par de horas. Unha vez dura, practícanselle os furados dos ollos, da boca e as ventas do nariz empregando un ferro quente. A derradeira capa da máscara é actualmente de papel de periódico e pode levar pintados bigotes, beizos, etc.
O atavíos dos volantes complétanse cun caxato de cana, dobrado ao lume, que nunca serve como arma senón máis ben como axuda para camiñar polas corredoiras e sobre todo para ter man do pucho do que agora falaremos.
Segundo os veciños de Santiago de Arriba as vestiduras dos volantes eran antigamente de cor branca, supoñemos que serían simplemente unha camisa de liño e as correspondentes cirolas, sen embargo cando chegaron as teas comerciais, a primeira tea de cores da que dispuxeron foi esta que agora empregan, de cor amarela e vermella, de aí a cor actual dos volantes. Non puidemos precisar o momento en que sucedeu este troco, anque facilmente o podemos supoñer no primeiro tercio do século XX.
Máscara, mono, cinto e panos forman así o vestiario do volante. Como xa dixemos antigamente non había normalmente campás para máis de dous cintos e polo tanto non había nunca máis volantes que cintos. Un deles portaba o mellor cinto (unhas 24 campás macho) mentres que o outro podía ficar só con 16 campás. O volante co mellor cinto completaba seu vestiario cun elemento denominado o pucho. É este elemento, sen dúbida, aquel máis rechamante e característico do entroido da Ribeira Sacra, pois se ben noutros entroidos galegos atopamos elementos semellantes ós das máscaras da ribeira (cintos de campás, monos de cores, panos de la), ningunha das outras máscaras galegas porta algo semellante o pucho da Ribeira Sacra. Trátase dun armazón de vimbios e arames de aproximadamente 120cm de diámetro con forma de semiesfera, totalmente cuberto de flores de papel de multitude de cores, duns 25 cm de diámetro cada unha, aseguradas ao armazón. Neste mesmo armazón van asegurados catro penachos de plumas que antigamente se collían do camarín da virxe da parroquia, anque actualmente empréganse uns vidos hai anos de Montevideo. Tamén leva o pucho dúas bonecas, unha na parte frontal e outra na posterior. Dos bordes desta media laranxa multicolor penduran infinidade de fitas de papel, duns 15 cm de ancho e que chegan sobradamente ata o chan.
Segundo os veciños de Santiago de Arriba o pucho da súa parroquia e o de Nogueira amosan diferencias no xeito de compoñer as flores e na propia forma do pucho. En Santiago de Arriba os pétalos das flores fanse dun en un, por separado, rizando cada pétalo pasándoo por un coitelo. En Nogueira as flores confecciónanse “a papel corrido” de xeito que cada flor é unha especie de espiral de papel. Ambos tipo de flor levan no centro unha esfera de papel duns 4-5 cm de diámetro que pode ir incluso atravesada por dúas tiriñas de papel de cor diferente. O fin é que o pucho sexa o máis colorista posible. En cando á forma do pucho, en Santiago de Arriba é lixeiramente ovalada, case coma o casco dunha embarcación, mentres que en Nogueira é completamente circular.
O pucho leva no seu interior unha especie de receptáculo no que se aloxará a cabeza do volante que o porte, así como algúns traveseiros de madeira onde este poderá asegurar o seu caxato para mellor soster semellante estructura que pode chegar a ter 140 cm de alto sobre a cabeza do volante e ter un peso considerable. Pucho e volante forman así un conxunto extraordinariamente vistoso, colorista e contrastante coa ruralidade verdescente da Ribeira Sacra.
Os portadores de máis idade de Santiago de Arriba contan que antigamente, cando obviamente non había papel de cores, as flores do pucho confeccionábanse con follas de verza que se deixaban secar. Dos laterais do pucho pendían fachicos de palla entrelazada ata o chan, que foron substituídos polas actuais fitas de cores. Non faltaban neste antigos puchos nin os bonecos nin os penachos.
O domingo de antroido pola mañá saen os volantes a percorrer a aldea, de casa en casa, saltando polas corredoiras, meneando seu enorme e barullento cinto que avisa da súa chegada, resoando por toda a ribeira, non levan o pucho, iso é para a tarde. Os cintos dos volantes escóitanse dende moi lonxe, o río leva o seu son, a ribeira fai de resoador. Petando co seu caxato nas portas avisan de que están alí, de que chegou o día. Os veciños recíbenos con ledicia, corre o viño, os doces, as filloas, o xamón e os chourizos, achéganse outros veciños próximos, levántanse as máscaras, bótanse risas e coméntanse cousas, comen, beben e seguen o seu percorrido, outra casa, outra bodega, máis corredoiras e veña barullo de campás, tran!, tran!, tran!, os dous volantes avanzan ao galope dando grandes pasos para facer soar con forza os seus cintos, non hai descanso, corren camiños, leiras e corredoiras ata completar toda a aldea, hai que saudar a todos os veciños e anunciar que pola tarde serán os oficios. A estampa é belísima, as cores dos volantes rachan o verde da ribeira e as súas campás o seu fondo silencio, toda a ribeira estremece.
Chegada a hora, os volantes volven ao lugar onde se vestiron e xunto co resto dos organizadores do antroido retíranse a comer, pola tarde serán os oficios e todo o antroido sairá en pleno xunto co pucho e outras máscaras das que agora falaremos.
Os oficios comezan sobre as catro da tarde nun campo axeitado, alí danse cita os veciños, enmascarados ou non, os gaiteiros e as máscaras. Os gaiteiros foron durante case cen anos os Barrios de Chantada, existindo unha peza de obrigada interpretación, a “marcha do antroido”.
As máscaras que acompañan ós volantes nos oficios son de dous tipos: uns visten pelicas de animais sobre o corpo, as pernas e a cara, incluíndo ás veces os cornos dos animais, normalmente de cabra; levan unha soa choca á cintura pendurada dun pequeno cinto, son os peliqueiros que, armados cun cinto, protexen e abren paso para os volantes e os oficios, ademais de meterse coa xente que asiste ós oficios. Un segundo tipo de enmascarados teñen a función de participar nos oficios, son os mecos, que enmascarados con carautas representan calquera personaxe, o cura, o sancristán, políticos de moda, gardas civís, son homes vestidos de mulleres e mulleres vestidas de home, etc.
Antes de comezar os oficios, o volante portando o pucho, os outros volantes e os peliqueiros fan un percorrido pola aldea rematando no lugar onde se van celebrar os oficios, no que normalmente existe unha casa onde se reúnen os enmascarados, de alí saen os oficios. O protocolo é o seguinte: antes de cada oficio os volantes co pucho saen ao campo batendo as súas campás, seguidos polos gaiteiros. O pucho brinca e xira sobre si mesmo e os volantes forman unha roda, saltando sen parar ao ritmo dos gaiteiros que tocan a marcha do antroido. Despois duns minutos de barullo un propio pase apolo campo amosando ao público un cartaz co título do oficio que se poderá presenciar a continuación, retíranse os volantes e o pucho, saen ao campo os mecos e represéntase o oficio. Repítese entón o procedemento, soan de novo as gaitas, bailan os volantes e o pucho, e represéntase o segundo oficio.
Os oficios, como xa dixemos, son pequenas representacións teatrais en clave de humor e sarcasmo, sobre feitos sonados acaecidos na parroquia ou simplemente temas de actualidade. O parto dunha muller que pare unha ducia de coellos ou un polbo, a matanza do porco finalmente perdoado polo bispo, unha operación cirúrxica que remata coa extracción do tecido danado como o lambido oso dun lacón ou uns riles, o caso do estafador vendedor de lavadoras... todo é algarabía nos oficios e non faltan petardos e bombas, fariña e antigamente formigas e incluso cobras que se quecían en potas para que saísen doentes, os peliqueiros atizan á xente que se mete cos volantes, os mecos deambulan por aquí e acolá mesturados coa xente, brincan, levantan as saias das mulleres, perseguen ós homes sen disfrazar, en fin, como en calquera dos nosos antroidos.
Por veces o antroido e os volantes doutra parroquia achegábanse ao campo dos oficios de outra, non se podía entrar nel sen primeiro pedir permiso, o contrario podía desembocar nunha batalla campal. As rivalidades entre parroquias da ribeira eran famosas na contorna, non faltaron festas patronais nas que se rematou a tiros e navalladas habendo incluso mortes e posteriores vinganzas. Foron outros tempos, os ribeiraos son agora xentes pacíficas, amables e hospitalarias, entre eles e por suposto cos visitantes.
Facilmente se deducen os elementos relixiosos implicados neste antroido. As campás que outrora chaman á misa agora anuncian o antroido e reclaman a atención dos veciños anunciando e precedendo ós oficios. Estes non son agora relixiosos, senón todo o contrario, e neles poucas veces falta a figura do cura, iso si, sempre ridiculizada e asediada polos veciños en xusta vinganza. O pucho ben podería ser unha imitación do camarín da virxe, do que se tomaban prestados os penachos evidenciando así unha clara relación entre ambos, incluso os bonecos poderían asimilarse con imaxes relixiosas.
O propio ámbito do antroido ribeirao, como tantos outros en Galicia, é de base relixiosa, cada parroquia organizaba o seu antroido. O reforzo da estrutura social é así mesmo patente: os volantes percorren as casas dos veciños, a casa é a unidade fundamental.
A orde social tampouco escapa á ridiculización, é raro que falten entre os mecos unha parella da garda civil para impoñer a orde ao seu particular xeito. As licencias tomadas coas mulleres contrapóñense ao respecto debido durante o resto do ano. É tempo de antroido, despois virá o recollemento da coresma, a abstinencia e o resto de imposicións relixiosas.
Fotografia de Fernando Garcia VotaciónEXIF
|