Inicio arrow Novas sobre o PCI arrow Convención da Unesco para salvagardar o PCI
Convención da Unesco para salvagardar o PCI Imprimir Correo-e
Thursday, 05 de June de 2008

 

 

 

 
 

O seguinte texto está publicado na páxina web da UNESCO: http://www.unesco.org/culture/ich/doc/src/00009-GL-PDF.pdf
A tradución para o galego foi realizada pola Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. Para versións do texto da
convención noutras linguas podes consultar : http://www.unesco.org/culture/ich/index.php?pg=00102#TOC13
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 
 
 
 
A Conferencia Xeral da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, denominada de aquí en adiante UNESCO, na súa 32.ª reunión, celebrada en París do 29 de setembro ao 17 de outubro de 2003.
Ao referirse aos instrumentos internacionais existentes en materia de dereitos humanos, en particular á Declaración Universal de Dereitos Humanos de 1948, ao Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais de 1966 e ao Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos de 1966.
Ao considerar a importancia que reviste o patrimonio cultural inmaterial, crisol da diversidade cultural e garante do desenvolvemento sostible, como se destaca na recomendación da UNESCO sobre a salvagarda da cultura tradicional e popular de 1989, así como na Declaración Universal da UNESCO sobre a Diversidade Cultural de 2001 e na Declaración de Istambul de 2002, aprobada pola terceira mesa redonda de ministros de cultura.
Ao considerar a profunda interdependencia que existe entre o patrimonio cultural inmaterial e o patrimonio material cultural e natural.
Ao recoñecer que os procesos de mundialización e de transformación social, por unha banda, crean as condicións axeitadas para un diálogo renovado entre as comunidades; pero pola outra, tamén traen consigo, ao igual que os fenómenos de intolerancia, graves riscos de deterioro, de desaparición e de destrución do patrimonio cultural inmaterial, debido en particular á falta de
recursos para salvagardalo.
Ao ser consciente da vontade universal e da preocupación común por salvagardar o patrimonio cultural inmaterial da humanidade.
Ao recoñecer que as comunidades, en especial as indíxenas, os grupos e, nalgúns casos, os individuos desempeñan un importante papel na produción, na salvagarda, no mantemento e na recreación do patrimonio cultural inmaterial, co que contribúen a enriquecer a diversidade cultural e a creatividade humana. Ao observar o labor transcendental que realiza a UNESCO na elaboración de instrumentos
normativos para a protección do patrimonio cultural, en particular a Convención para a Protección do Patrimonio Mundial, Cultural e Natural de 1972.
Ao observar ademais que aínda non se dispón dun instrumento multilateral de carácter vinculante destinado a salvagardar o patrimonio cultural inmaterial.
Ao considerar que conviría mellorar e completar eficazmente os acordos, as recomendacións e as resolucións internacionais existentes en materia de patrimonio cultural e natural mediante novas disposicións relativas ao patrimonio cultural inmaterial.
Ao considerar a necesidade de suscitar un maior grao de conciencia, especialmente entre os máis novos, da importancia do patrimonio cultural inmaterial e da súa salvagarda.
Ao considerar que a comunidade internacional debería contribuír, xunto cos estados partes na presente convención, a salvagardar ese patrimonio, con vontade de cooperación e de axuda
mutua.
 
Ao lembrar os programas da UNESCO relativos ao patrimonio cultural inmaterial, en particular a proclamación das obras mestras do patrimonio oral e inmaterial da
humanidade.
Ao considerar a inestimable función que cumpre o patrimonio cultural inmaterial como factor de achegamento, de intercambio e de entendemento entre os seres humanos.
Aproba neste día 17 de outubro de 2003 a presente convención.
I. Disposicións xerais
Artigo 1. Finalidades da convención
A presente convención ten as seguintes finalidades:
a) A salvagarda do patrimonio cultural inmaterial
b) O respecto do patrimonio cultural inmaterial das comunidades, dos grupos e dos individuos de que se trate.
c) A sensibilización no plano local, nacional e internacional sobre a importancia do patrimonio cultural inmaterial e do seu recoñecemento recíproco.
d) A cooperación e a asistencia internacionais.
 
Artigo 2. Definicións
A efectos da presente convención
1. Enténdese por patrimonio cultural inmaterial os usos, as representacións, as expresións, os coñecementos e as técnicas -xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes- que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. Este patrimonio cultural inmaterial, que se transmite de xeración en xeración, é recreado constantemente polas comunidades
e polos grupos en función do seu contorno, da súa interacción coa natureza e da súa historia; e infúndelles un sentimento de identidade e de continuidade que contribúe a promover o respecto pola diversidade cultural e pola creatividade humana. A efectos da presente convención, terase en conta unicamente o patrimonio cultural inmaterial que sexa compatible cos instrumentos internacionais de dereitos humanos existentes e cos imperativos de respecto mutuo entre comunidades, grupos e individuos e de desenvolvemento sostible.
2. O patrimonio cultural inmaterial, segundo se define no primeiro parágrafo, maniféstase en particular nos seguintes ámbitos:
 
a) Tradicións e expresións orais, incluído o idioma como vehículo do patrimonio
cultural inmaterial.
 
b) Artes do espectáculo.
 
c) Usos sociais, rituais e actos festivos.
 
d) Coñecementos e usos relacionados coa natureza e co universo.
 
e) Técnicas artesanais tradicionais.
 
3.Enténdese por salvagarda as medidas encamiñadas a garantir a viabilidade do patrimonio cultural inmaterial, que comprende a identificación, a documentación, a investigación, a preservación, a protección, a promoción, a valorización, a transmisión -basicamente a través do ensino formal e non formal- e a revitalización deste patrimonio nos seus distintos aspectos.
4. A expresión estados partes designa os estados obrigados pola presente convención e todos nos que esta estea en vigor.
5. Esta convención aplicarase mutatis mutandis aos territorios mencionados no artigo 33 que pasen a ser partes nela, de acordo coas condicións especificadas no citado artigo.
Nesa medida a expresión estados partes referirase igualmente a eses territorios.
Artigo 3. Relación con outros instrumentos internacionais
Ningunha disposición da presente convención poderá ser interpretada de xeito que:
a) Modifique o estatuto ou reduza o grao de protección dos bens declarados
patrimonio mundial no marco da Convención para a Protección do Patrimonio
Mundial, Cultural e Natural de 1972 aos que estea directamente asociado un
elemento do patrimonio cultural inmaterial.
 
b) Afecte os dereitos e as obrigas que teñan os estados partes en virtude doutros instrumentos internacionais relativos aos dereitos de propiedade intelectual ou ao emprego dos recursos biolóxicos e ecolóxicos de que sexan partes.
 
II. Órganos da convención
Artigo 4. Asemblea Xeral dos estados partes
1. Queda establecida unha Asemblea Xeral dos estados partes, denominada de aquí en adiante a Asemblea Xeral, que será o órgano soberano da presente convención.
2. A Asemblea Xeral celebrará unha reunión ordinaria cada dous anos. Poderá reunirse con carácter extraordinario cando así o decida, ou cando reciba unha petición do Comité Intergobernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial ou de polo menos un terzo dos estados partes.
3. A Asemblea Xeral aprobará o seu propio regulamento.
Artigo 5. Comité Intergobernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial
1. Queda establecido na UNESCO un Comité Intergobernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, denominado de aquí en diante o Comité. Estará integrado por representantes de 18 estados partes, os que constituídos en Asemblea Xeral elixirán ao entrar a presente convención en vigor segundo o disposto no artigo 34.
2. O número de estados membros do Comité pasará a 24 cando o número de estados partes na convención chegue a 50.
Artigo 6. Elección e mandato dos estados membros do Comité
1. A elección dos estados membros do Comité deberá obedecer aos principios dunha distribución xeográfica e dunha rotación equitativas.
2.Os estados partes na convención, reunidos en asemblea xeral, elixirán os
estados membros do Comité por un mandato de catro años.
3. Non obstante, o mandato da metade dos estados membros do Comité elixidos na primeira elección será só de dous anos. Estes estados serán designados por sorteo no curso da primeira elección.
4. Cada dous anos, a Asemblea Xeral procederá a renovar a metade dos estados membros do Comité.
5. A Asemblea Xeral elixirá así mesmo a cantos estados membros do Comité sexan necesarios para cubrir os escanos vacantes.
6. Un estado membro do Comité non poderá ser elixido por dous mandatos consecutivos.
7. Os estados membros do Comité designarán, para seren representados nel, persoas cualificadas nos diversos ámbitos do patrimonio cultural inmaterial.
 
 
Artigo 7. Funcións do Comité
Sen prexuízo das demais atribucións que se lle asignan na presente convención, as funcións do Comité serán as seguintes:
a) Promover os obxectivos da convención, fomentar e seguir a súa aplicación.
 
b) Brindar asesoramento sobre prácticas exemplares e formular recomendacións sobre
medidas encamiñadas a salvagardar o patrimonio cultural inmaterial.
 
c) Preparar e someter á aprobación da Asemblea Xeral un proxecto de
emprego dos recursos do Fondo, de acordo co artigo 25.
 
d) Buscar as formas de incrementar os seus recursos e adoptar as medidas necesarias para tal efecto, de acordo co artigo 25.
 
e) Preparar e someter á aprobación da Asemblea Xeral directrices operativas
para a aplicación da convención.
 
f) De acordo co artigo 29, examinar os informes dos estados partes e
elaborar un resumo deles destinado á Asemblea Xeral.
 
g) Examinar as solicitudes que presenten os estados partes e decidir, de acordo cos criterios obxectivos de selección establecidos polo propio comité e aprobados pola Asemblea Xeral, en canto a:
 
i) As inscricións nas listaxes e as propostas que se mencionan nos
artigos 16, 17 e 18.
 
ii) A prestación de asistencia internacional de acordo co artigo 22.
 
Artigo 8. Métodos de traballo do Comité
1. O Comité será responsable ante a Asemblea Xeral, á que dará conta de todas as súas actividades e decisións.
2. O Comité aprobará o regulamento por unha maioría de dous terzos dos seus membros.
3.O Comité poderá crear, con carácter transitorio, os órganos consultivos que estime necesarios para o desempeño das súas funcións.
4. O Comité poderá invitar ás súas reunións a todo organismo público ou privado, ou a toda persoa física de probada competencia nos diversos ámbitos do patrimonio cultural inmaterial, para consultarlles cuestións determinadas.
Artigo 9. Acreditación das organizacións de carácter consultivo
1. O Comité proporalle á Asemblea Xeral a acreditación de organizacións non
gobernamentais de probada competencia no terreo do patrimonio cultural inmaterial.
Estas organizacións exercerán funcións consultivas ante o Comité.
2. O Comité proporá, así mesmo, á Asemblea Xeral os criterios e as modalidades polos que se rexerá esa acreditación.
 
Artigo 10. Secretaría
1. O Comité estará secundado pola secretaría da UNESCO.
2. A secretaría preparará a documentación da Asemblea Xeral e do Comité, así como o proxecto da orde do día das respectivas reunións, e velará polo cumprimento das decisións de ambos os órganos.
 
III. Salvagarda do patrimonio cultural inmaterial no plano nacional
Artigo 11. Funcións dos estados partes
Atinxe a cada estado parte:
a) Adoptar as medidas necesarias para garantir a salvagarda do patrimonio
cultural inmaterial presente no seu territorio.
b) Entre as medidas de salvagarda mencionadas no terceiro parágrafo do artigo 2, identificar e definir os distintos elementos do patrimonio cultural inmaterial presentes no seu territorio, con participación das comunidades, dos grupos e das organizacións non gobernamentais pertinentes.
 
Artigo 12. Inventarios
1. Para asegurar a identificación con fins de salvagarda, cada estado parte confeccionará de acordo coa súa propia situación un ou varios inventarios do patrimonio cultural inmaterial presente no seu territorio. Estes inventarios actualizaranse regularmente.
2. Ao presentarlle o seu informe periódico ao Comité, de acordo co artigo 29, cada estado parte proporcionará a información pertinente en relación con eses inventarios.
Artigo 13. Outras medidas de salvagarda
Para asegurar a salvagarda, o desenvolvemento e a valorización do patrimonio cultural inmaterial presente no seu territorio, cada estado parte fará todo o posible por:
a) Adoptar unha política xeral encamiñada a realzar a función do patrimonio cultural inmaterial na sociedade e a integrar a súa salvagarda en programas de planificación.
b) Designar ou crear un ou varios organismos competentes para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial presente no seu territorio.
c) Fomentar estudos científicos, técnicos e artísticos, así como metodoloxías de investigación para a salvagarda eficaz do patrimonio cultural inmaterial e, en
particular, do patrimonio cultural inmaterial que se atope en perigo.
d) Adoptar as medidas de orde xurídica, técnica, administrativa e financeira
axeitadas para:
 
i) Favorecer a creación ou o fortalecemento de institucións de formación en
xestión do patrimonio cultural inmaterial, así como a transmisión deste
patrimonio nos foros e nos espazos destinados á súa manifestación e expresión
ii) Garantir o acceso ao patrimonio cultural inmaterial e respectar, ao mesmo
tempo, os usos consuetudinarios polos que se rexe o acceso a determinados
aspectos deste patrimonio.
iii)Crear institucións de documentación sobre o patrimonio cultural inmaterial e
facilitar o acceso a elas.
Artigo 14. Educación, sensibilización e fortalecemento de capacidades
Cada estado parte intentará por todos os medios oportunos:
a) Asegurar o recoñecemento, o respecto e a valorización do patrimonio cultural inmaterial na sociedade, en particular mediante:
i) Programas educativos, de sensibilización e de difusión de información
dirixidos ao público e, en especial, aos máis novos.
ii) Programas educativos e de formación específicos nas comunidades e en grupos interesados.
iii) Actividades de fortalecemento de capacidades en materia de salvagarda do
patrimonio cultural inmaterial e, especialmente, de xestión e de investigación
científica.
iv) Medios non formais de transmisión do saber.
b) Manter o público informado das ameazas que pesan sobre ese patrimonio e das actividades realizadas en cumprimento da presente convención.
c) Promover a educación sobre a protección de espazos naturais e lugares
importantes para a memoria colectiva, dos que a súa existencia é indispensable para que o patrimonio cultural inmaterial poida expresarse.
 
Artigo 15. Participación das comunidades, grupos e individuos
No marco das actividades de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial, cada estado parte tratará de acadar unha participación o máis ampla posible das comunidades, dos grupos e, se procede, dos individuos que crean, manteñen e transmiten ese patrimonio e de asocialos activamente á súa xestión.
 
IV. Salvagarda do patrimonio cultural inmaterial no plano internacional
Artigo 16. Listaxe representativa do patrimonio cultural inmaterial da humanidade
1. Para dar a coñecer mellor o patrimonio cultural inmaterial, lograr que se tome maior conciencia da súa importancia e propiciar formas de diálogo que respecten a diversidade cultural, o Comité, por proposta dos estados partes interesados, creará, manterá ao día e fará pública unha listaxe representativa do patrimonio cultural inmaterial da humanidade.
2. O Comité elaborará e someterá á aprobación da Asemblea Xeral os criterios polos que se rexerán a creación, a actualización e a publicación desta listaxe representativa.
Artigo 17. listaxe do patrimonio cultural inmaterial que require medidas urxentes
de salvagarda
1. Con obxecto de adoptar as medidas oportunas de salvagarda, o Comité creará, manterá ao día e fará pública unha listaxe do patrimonio cultural inmaterial que requira medidas urxentes de salvagarda, e inscribirá ese patrimonio na listaxe a petición do estado parte interesado.
2. O Comité elaborará e someterá á aprobación da Asemblea Xeral os criterios polos que se rexerán a creación, actualización e publicación desa listaxe.
3. En casos de extrema urxencia, así considerados de acordo cos criterios obxectivos que a Asemblea Xeral aprobase por proposta do Comité, este último, en consulta co estado parte interesado, poderá inscribir un elemento do patrimonio en cuestión na listaxe mencionada
no primeiro parágrafo.
Artigo 18. Programas, proxectos e actividades de salvagarda do patrimonio cultural
inmaterial
1. Ao basearse nas propostas presentadas polos estados partes, e ao axustarse aos criterios por eles definidos e aprobados pola Asemblea Xeral, o Comité seleccionará periodicamente e promoverá os programas, os proxectos e as actividades de ámbito nacional, subrexional ou rexional para a salvagarda do patrimonio que, ao seu entender, reflictan do xeito máis adecuado os principios e os obxectivos da presente convención, tendo en conta as
necesidades particulares dos países en desenvolvemento.
2. A tal efecto, recibirá, examinará e aprobará as solicitudes de asistencia internacional formuladas polos estados partes para a elaboración das citadas propostas.
3. O Comité secundará a execución dos citados programas, proxectos e actividades mediante a difusión de prácticas exemplares, de acordo coas modalidades que determinase.
V. Cooperación e asistencia internacionais
Artigo 19. Cooperación
1. A efectos da presente convención, a cooperación internacional comprende en particular o intercambio de información e de experiencias, iniciativas comúns, e a creación dun mecanismo para axudar os estados partes nos seus esforzos encamiñados a salvagardar o patrimonio cultural inmaterial.
2.Sen prexuízo do disposto na súa lexislación nacional nin dos seus dereitos e dos seus usos consuetudinarios, os estados partes recoñecen que a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial é unha cuestión de interese xeral para a humanidade e comprométense, con tal obxectivo, a cooperaren no plano bilateral, subrexional, rexional e internacional.
Artigo 20. Obxectivos da asistencia internacional
Poderase outorgar asistencia internacional cos obxectivos seguintes:
a) Salvagardar o patrimonio que figure na listaxe de elementos do patrimonio
cultural inmaterial, que requiren medidas urxentes de salvagarda.
b) Confeccionar inventarios no sentido dos artigos 11 e 12
c) Prestar apoio a programas, proxectos e actividades de ámbito nacional, subrexional
e rexional destinados a salvagardar o patrimonio cultural inmaterial.
d) Calquera outro obxectivo que o Comité considere oportuno.
 
Artigo 21. Formas de asistencia internacional
A asistencia que o Comité outorgue a un estado parte rexerase polas directrices operativas previstas no artigo 7 polo acordo mencionado no artigo 24, e poderá revestir as seguintes formas:
a) Estudos relativos aos diferentes aspectos da salvagarda.
b) Servizos de expertos e outras persoas con experiencia práctica en patrimonio cultural inmaterial.
c) Formación de todo o persoal necesario.
d) Elaboración de medidas normativas ou doutra índole.
e) Creación e utilización de infraestruturas.
f) Achega de material e de coñecementos especializados.
g) Outras formas de axuda financeira e técnica, o que pode comprender, se procede, a concesión de empréstitos a interese reducido e as doazóns.
 
 
Artigo 22. Requirimentos para a prestación de asistencia internacional
1. O Comité definirá o procedemento para examinar as solicitudes de asistencia internacional e determinará os elementos que deberán constar nelas, tales como as medidas previstas, as intervencións necesarias e a avaliación do custo.
2. En situacións de urxencia, o Comité examinará con carácter prioritario a solicitude de asistencia.
3. Para tomar unha decisión o Comité efectuará os estudos e as consultas que considere precisos.
 
Artigo 23. Solicitudes de asistencia internacional
1. Cada estado parte poderá presentarlle ao Comité unha solicitude de asistencia internacional para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial presente no seu territorio.
2. Esta solicitude poderá tamén ser presentada conxuntamente por dous ou máis estados partes.
3. Na solicitude deberán constar os elementos de información mencionados no primeiro parágrafo do artigo 22, así como a documentación necesaria.
 
Artigo 24. Papel dos estados partes beneficiarios
1. De acordo coas disposicións da presente convención, a asistencia
internacional que se conceda rexerase por un acordo entre o estado parte beneficiario e o Comité.
2. Por regra xeral, o estado parte beneficiario deberá contribuír, na medida en que o permitan os seus medios, a sufragar as medidas de salvagarda para as que se outorga a asistencia internacional.
3. O estado parte beneficiario presentaralle ao Comité un informe sobre a utilización da asistencia que lle concederon con fins de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial.
VI. Fondo do patrimonio cultural inmaterial
Artigo 25. Índole e recursos do Fondo
1. Queda establecido un Fondo para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial, Denominado de aquí en adiante o Fondo.
2. O Fondo estará constituído como fondo fiduciario, de acordo coas disposicións do Regulamento financeiro da UNESCO.
3. Os recursos do Fondo estarán constituídos por:
a) As contribucións dos estados partes.
b) Os recursos que a Conferencia Xeral da UNESCO destine para tal fin.
c) As contribucións, as doazóns ou os legados que poidan facer:
 
i) Outros estados.
ii) Organismos e programas do sistema das Nacións Unidas, en especial o Programa das Nacións Unidas para o desenvolvemento, ou outras organizacións Internacionais.
iii) Organismos públicos ou privados, ou persoas físicas.
 
d) Todo interese reportado polos recursos do Fondo.
e) O produto das colectas e a recadación das manifestacións organizadas en
proveito do Fondo.
f)Todos os demais recursos autorizados polo Regulamento do Fondo, que o Comité elaborará.
4. A utilización dos recursos por parte do Comité decidirase de acordo coas orientacións que formule ao respecto a Asemblea Xeral.
5. O Comité poderá aceptar contribucións ou asistencia doutra índole que lle ofrezan con fins xerais ou específicos, ligados a proxectos concretos, sempre e cando eses proxectos conten coa súa aprobación.
6. As contribucións ao Fondo non poderán estar supeditadas a condicións políticas, económicas nin doutro tipo que sexan incompatibles cos obxectivos que persegue a presente convención.
Artigo 26. Contribucións dos estados partes ao Fondo
1. Sen prexuízo de calquera outra contribución complementaria de carácter voluntario, os estados partes na presente convención obríganse a ingresar no Fondo, cada dous anos polo menos, unha contribución cunha contía, calculada a partir dunha porcentaxe uniforme aplicable a todos os estados, que será determinada pola Asemblea Xeral. Para que esta poida adoptar tal
decisión requirirase unha maioría dos estados partes presentes e votantes que non fixesen a declaración mencionada no segundo parágrafo do presente artigo. O importe desa contribución non poderá exceder en ningún caso do 1 % da contribución do estado parte ao orzamento
ordinario da UNESCO.
2. Non obstante, calquera dos estados aos que se refiren o artigo 32 ou o artigo 33 da presente convención poderá declarar, no momento de depositar o seu instrumento de ratificación, de aceptación, de aprobación ou de adhesión, que non se considera obrigado polas disposicións do primeiro parágrafo do presente artigo.
3. Todo estado parte na presente convención que formulase a declaración
mencionada no segundo parágrafo do presente artigo fará o posible por retirala mediante unha notificación ao director xeral da UNESCO. Non obstante, o feito de retirar a declaración só terá efecto sobre a contribución que endebede ese estado a partir da data en que dea comezo a seguinte reunión da Asemblea Xeral.
4. Para que o Comité poida planificar con eficacia as súas actividades, as contribucións dos estados partes nesta convención que fixesen a declaración mencionada no segundo parágrafo do presente artigo deberán ser aboadas periodicamente, cada dous anos polo menos, e deberían ser dun importe o máis semellante posible ao das contribucións que eses estados tivesen que pagar se estivesen obrigados polas disposicións do primeiro parágrafo do
presente artigo.
5. Ningún estado parte na presente convención que estea atrasado no pagamento da súa contribución obrigatoria ou voluntaria para o ano en curso e o civil inmediatamente anterior poderá ser elixido membro do Comité, aínda que esta disposición non será aplicable na primeira elección. O mandato dun estado parte que se atope en tal situación e que xa sexa membro do Comité finalizará no momento en que teñan lugar as eleccións previstas no artigo
6 da presente convención.
Artigo 27. Contribucións voluntarias complementarias ao Fondo
Os estados partes que con carácter voluntario desexen efectuar outras contribucións ademais das previstas no artigo 26 informarán disto o antes posible ao Comité, para que este poida planificar as súas actividades en consecuencia.
Artigo 28. Campañas internacionais de recadación de fondos
Na medida do posible, os estados partes prestarán o seu concurso ás campañas internacionais de recadación que se organicen en proveito do Fondo baixo os auspicios da UNESCO.
VII. Informes
Artigo 29. Informes dos estados partes
Os estados partes presentaranlle ao Comité, na forma e coa periodicidade que este prescriba, informes sobre as disposicións lexislativas, regulamentarias ou doutra índole que adoptasen para aplicar a convención.
Artigo 30. Informes do Comité
1. Baseado nas súas actividades e nos informes dos estados partes mencionados no artigo 29, o Comité presentará un informe en cada reunión da Asemblea Xeral.
2. Este informe porase en coñecemento da Conferencia Xeral da UNESCO.
VIII. Cláusula transitoria
Artigo 31. Relación coa proclamación das obras mestras do patrimonio oral
e inmaterial da humanidade
1. O Comité incorporará á listaxe representativa do patrimonio cultural inmaterial da humanidade os elementos que, con anterioridade á entrada en vigor desta convención, fosen proclamados obras mestras do patrimonio oral e inmaterial da humanidade.
2. A inclusión destes elementos na listaxe representativa do patrimonio cultural
inmaterial da humanidade efectuarase sen prexuízo dos criterios polos que se rexerán as seguintes inscricións, establecidos segundo o disposto no segundo parágrafo do artigo 16.
3. Con posterioridade á entrada en vigor da presente convención non se efectuará ninguna outra proclamación.
IX. Disposicións finais
Artigo 32. Ratificación, aceptación ou aprobación
1. A presente convención estará suxeita á ratificación, á aceptación ou á aprobación dos estados membros da UNESCO, de acordo con cadanseus procedementos constitucionais.
2.Os instrumentos de ratificación, de aceptación ou de aprobación depositaranse ante o director xeral da UNESCO.
Artigo 33. Adhesión
1. A presente convención quedará aberta á adhesión de todos os estados que non sexan membros da UNESCO e que a Conferencia Xeral da organización invitase a se adherir a ela.
2. A presente convención quedará aberta, así mesmo, á adhesión dos territorios que gocen de total autonomía interna, recoñecida como tal polas Nacións Unidas pero que non alcanzasen a total independencia de acordo coa Resolución 1514 (XV) da Asemblea Xeral, e que teñan competencia sobre as materias rexidas por esta convención, incluída a de subscribir tratados en relación con elas.
3. O instrumento de adhesión depositarase en poder do director xeral da UNESCO.
Artigo 34. Entrada en vigor
A presente convención entrará en vigor tres meses despois da data de depósito do trixésimo instrumento de ratificación, de aceptación, de aprobación ou de adhesión, pero só con respecto aos estados que depositasen cadanseus instrumentos de ratificación, de aceptación, de aprobación ou de adhesión nesa data ou anteriormente. Para os demais estados partes, entrará en vigor tres meses despois de efectuar o depósito do seu instrumento de ratificación, de aceptación, de aprobación ou de adhesión.
Artigo 35. Réximes constitucionais federais ou non unitarios
Aos estados partes que teñan un réxime constitucional federal ou non unitario seranlles aplicables as disposicións seguintes:
a) Polo que respecta ás disposicións desta convención, aplicación da que atangue ao poder lexislativo federal ou central, as obrigacións do goberno federal ou central serán idénticas ás dos estados partes que non constitúan estados federais.
b) Polo que respecta ás disposicións da presente convención, cuxa aplicación
atangua a cada un dos estados, dos países, das provincias ou dos cantóns constituíntes, que en virtude do réxime constitucional da federación non estean facultados para tomaren medidas lexislativas, o goberno federal comunicaralles esas disposicións, co seu ditame favorable, ás autoridades competentes dos estados, dos países, das provincias ou dos cantóns, para que estas as aproben.
 
Artigo 36. Denuncia
1. Todos os estados partes terán a facultade de denunciar a presente convención.
2. A denuncia notificarase por medio dun instrumento escrito, que se depositará en poder do director xeral da UNESCO.
3. A denuncia producirá efecto doce meses despois da recepción do instrumento de denuncia. Non modificará en nada as obrigacións financeiras que teña que asumir o estado denunciante ata a data en que a retirada sexa efectiva.
Artigo 37. Funcións do depositario
O director xeral da UNESCO, na súa calidade de depositario da presente convención, informará os estados membros da organización e os estados que non sexan membros aos que se refire o artigo 33, así como as Nacións Unidas do depósito de todos os instrumentos de ratificación, de aceptación, de aprobación ou de adhesión mencionados nos artigos 32 e 33 e das denuncias previstas no artigo 36.
Artigo 38. Emendas
1. Todo estado parte poderá propor emendas a esta convención mediante un comunicado dirixido por escrito ao director xeral. Este transmitirá a comunicación a todos os estados partes. Se nos seis meses seguintes á data de envío do comunicado a metade, polo menos, dos estados partes responde favorablemente a esa petición, o director xeral someterá esta proposta ao exame e á eventual aprobación da seguinte reunión da Asemblea xeral.
2. As emendas serán aprobadas por unha maioría de dous terzos dos estados partes presentes e votantes.
3. Unha vez aprobadas as emendas a esta convención deberán ser obxecto de ratificación, de aceptación, de aprobación ou de adhesión polos estados partes.
4. As emendas á presente convención, para os estados partes que as ratificasen, aceptasen, aprobasen ou que se adherisen a elas, entrarán en vigor tres meses despois de que dous terzos dos estados partes depositasen os instrumentos mencionados no terceiro parágrafo do presente artigo. A partir dese momento a correspondente emenda entrará en vigor para cada estado parte ou territorio que a ratifique, acepte, aprobe ou se adhira a ela tres meses
despois da data en que o estado parte depositase o seu instrumento de ratificación, de aceptación, de aprobación ou de adhesión.
5. O procedemento previsto nos parágrafos terceiro e no cuarto non se aplicará ás emendas que modifiquen o artigo 5, relativo ao número de estados membros do Comité. Estas emendas entrarán en vigor no momento da súa aprobación.
6. Un estado que pase a ser parte nesta convención despois da entrada en vigor de emendas de acordo co cuarto parágrafo do presente artigo, e que non manifeste unha intención en sentido contrario será considerado:
a) Parte na presente convención así emendada.
b)Parte na presente convención non emendada con respecto a todo estado parte que non estea obrigado polas emendas en cuestión.
Artigo 39. Textos auténticos
A presente convención está redactada en árabe, chinés, español, francés, inglés e ruso, e os seis textos son igualmente auténticos.
Artigo 40. Rexistro
De acordo co disposto no artigo 102 da Carta das Nacións Unidas, a
presente convención rexistrarase na secretaría das Nacións Unidas a petición do director xeral da UNESCO.

 

 

 
< Ant.   Seg. >
 

RSS externos